lunes, noviembre 01, 2010

Candai e Vicinte: Discurso de despedida

En novembro do ano 2000 o Bispo Fray José Gómez, firmaba o meu nomeamento como vicario parroquial de Santa María de Vicinte e San Vicente de Candai. Hoxe, noutro mes de novembro, prácticamente dez anos despois, despídome oficialmente destas dúas comunidades parroquiais coas que compartín uns anos moi importantes da miña vida.

Teño que confesar que a primeira inquedanza que tiven ó recibir esta encomenda foi a de non poder levar á cabo como debera este novo reto que se me plantexaba, pois, naquel momento, xa estaba atendendo tres parroquias en Friol e tiña que desprazarme todos os días a Lugo para traballar no Bispado. De todos xeitos aceptei a vontade do Bispo e púxenme a súa disposición para vir ata aquí.

Como resposta os meus primeiros medos o Vicario de Pastoral naquel entón, Miguel Gómez, brindoume a axuda dun grupo de personas que todos vostedes recordan: Manolo e Pilar principalmente e logo tamén Eliseo ou Mario, entre outros. Así empezamos a laboura pastoral, turnándonos cada 15 días. Quero agradecer diante de todos vostedes os esforzos de todos eles para que aquí tivesen un rato de oración todos os domingos.

Igualmente, quero agradecer tamén o acompañamento de todas as persoas de Candai e de Vicinte que me ayudaron dende o primeiro día a non sentirme extraño nin só en ningunha destas parroquias. E conseguírono, pois sempre me sentín acollido por todos.

Nos últimos 7 anos os azos de unión primeiros fóronse reforzando e as distancias tamén se recortaron cada vez máis, pois foron anos de dedicación máis exclusiva a estas dúas parroquias. Candai e Vicinte foron así centro dos meus proxectos durante moito tempo e consumiron moitos dos meus esforzos e ilusións.

Non se trata de facer un balance, pero o certo é que se conseguiron moitas cousas e que outras moitas quedan por facer. Quedan na miña memoria moitos recordos e vivencias que non pasarán ó olvido. Pola miña parte son lembranzas positivas, pero de seguro que puido haber tamén algúns erros, todo forma parte da vida dunha persoa. Queron pedir perdón polos fallos que puiden ter, de seguro que sempre inconscientes pola miña parte ou por non saber facer as cousas doutro xeito. Pido perdón se ofendín dalgún xeito a alguén con palabras que dixen ou actitudes que tomei.

Estas palabras soan como un discurso de despedida. Así titulei estas liñas, pero o certo é que na igrexa nunca se debe falar de despedidas, nin ós defuntos os depedimos. Así o recordamos especialmente nestes días de Todos os Santos. Simplemente se trata de constatar un cambio, unha nova realidade. Vivir é estar en cambios constantes.

Agora ven un novo cambio. Do mesmo xeito que cando viñen para aquí aceptei a vontade do Bispo, de novo teño que estar disposto a ir para onde a Igrexa crea necesaria a miña presenza. E teño os mesmos medos que hai dez anos: poder estar a altura do servizo que me encomendar prestar. Neste eido aprendín de vostedes moitas cousas que agora podo poñer en práctica nestas novas parroquias ás que me incorporo xa o domingo. E teño outro medo maior: o de non saber cómo van a reaccionar estes futuros fregreses ó plantexar os cambios que a realidade da Igrexa en Lugo esixe nestes tempos: parroquias que non van a poder ter misa todos os domingos tal e como estaban tendo ata agora, plantexar que acudan á misa á parroquia más cercana cando non teñan culto na igrexa á que foron toda a vida... Son medos e preocupacións de todos estos días. Son os medos que conleva calquer tipo de cambio, para unha persoa ou para unha comunidade.

Lóxicamente tamén vostedes van notar cambios parecidos a éstes. Comprendo a situación pola que están a pasar e agradézolles todas as mostras de afecto e cariño que me fixeron chegar nestes días. E, ante os cambios, tansmítolles o consello que me deron a min para circunstancias como éstas: Non estar nunca á defensiva, senon vivir en disposición de acollida e de escoita. Isto pódese aplicar a todas as realidades da vida. O estar á defensiva conleva illamento, desunión... pola contra, o adoptar unha actitude de escoita expresa disponibilidade e xenera unión e confianza.

Remato xa recalcando a importancia que teñen todos vostedes e a importancia que ten toda a parroquia unida. Pídolles que manteñan esta unión que observei os anos que estiven aquí e que sigan a loitar polo ben de todos. Que sigan a loitar por ter a igrexa en orde e arreglada, mellorándoa cada día un pouco máis. Será o sinal externo de que se segue mantendo a unión entre todos.

1 comentario:

Eliseo dijo...

Gracias tamén pola miña parte. Tamén para min foi un experiencia que non se me olvida, xunto con Pilar e toda a xente das parroquias de Candai, Viciente e polo outro lado Seixón, Mirad e Trasmonte. Por todo gracias tamén a ti Xosé Manuel, a todos os feligreses das parroquias e a Deus e a Virxe por permitirme vivir esta experiencia. Unha aperta. Eliseo e Sofía (que tamén me acompañou alguha vez).